Santi Prego, profesor da Esad de Galicia, comparte con
nós un pouco da súa "artesania" de contar.
1.Que te levou a ser "contador"?
Os contos que me contaba a miña aboa e outros velliños
do lugar fronte o lume da lareira nas longas noites de
inverno. Nos viviamos na aldea e non había electricida
de... Isto é o que digo cando me preguntan fora de
Galicia. A eles gústalles oir esta historia, e a min
gústame que lles guste. Pero en realidade eu son de
cidade, dun barrio da Coruña, e endexamais vivín na
aldea. Cándido Pazó, Quico Cadaval e eu dicimos que
contamos polos nosos pais. Os nosos pais respectivos
eran grandes contadores de historias na súa vida cotiá,
e a min venme o vezo por aí. Ademáis gústame moito ler
e se xuntas a miña afición á lectura e o meu oficio de
actor da como resultado acabar sendo contacontos.
Polo demais, facer isto dun xeito profesional veume da
oportunidade que me ofreceron os Curtos da Sala Galán, que
eran unha especie de "Jam de creación" como as que
facemos na ESAD-Galicia, que se facían nunha sala
alternativa que habia en Santiago. Empecei alí, á xente
gustáronlle, empezaron a chamarme... e ata hoxe.
2.Que atopaches, como actor, no feito de "contar"? Que
cres que pode aportar esta faceta a un actor?
Verdade. Cando es actor creas un personaxe, unha
ficción, pero como contacontos todo o que contas debe
ser verdade. O público decátase de contado de se o que
contas é verdade ou non, e se non o é deixan de
interesarse. Isto tamén pasa no teatro ou no
audiovisual, pero hai outros estímulos plásticos,
musicais, etc. que complementan o teu traballo. Como
contacontos só te tes a ti mesmo e á túa palabra. Neste
sentido a min o que máis me gusta é contar coa técnica
do "eu mentiroso": incorporar contos literarios como se
foran parte da miña biografía e lograr que o público
estea disposto a crelo.
3.Que claves ten a arte de "contar"?
Hai moitas, desde o manexo da dita técnica do "eu
mentiroso" ata a técnica do conto canónico no que, por
exemplo, manexas moito as repeticións ("había un camiño
longo, longo, longo...", por exemplo). Son moi
interesantes tamén os sobreentendidos (en vez de dicir
"había un camiño longo, longo, longo...", facer un
xesto co brazo). En fin, hai moitos recursos, pero,
para min, un que é fundamental é que o conto se conte
all’improviso, que non se conte de memoria, igual que
sucede na vida real cando che contan unha historia na
rúa ou no bar.
4.Un conto que che goste moito contar?
Chámase Memoria, e é un conto de Sergi Pámies, un
autor que me gusta moitísimo. Gústanme moito en xeral
os contos deste autor porque neles hai moita poesía,
moita verdade poética.
5.Un conto que funcione moi ben?
Hai moitos anos que todos os contos me funcionan moi
ben, porque xa non creo novo repertorio, e traballo
sobre aqueles que sei que funcionan. Houbo un tempo
que cheguei a ter un repertorio de máis de sesenta
contos. Agora, como che digo, quedei cun repertorio moi
reducido e sempre conto os mesmos. Outra cuestión é a
de por qué funcionan estes contos concretamente. Iso é
algo misterioso. Por exemplo cando contei por primeira
vez a nenos de 3 a 5 anos eu non tiña un repertorio
especifico para este público e cando agotei as
propostas que traía botei man dun romance cantado que é
para adultos, xa que conta a historia dunha princesa
que queda preñada e por este motivo o seu pai córtalle
a cabeza. A lingua empregada é un galego non estándar.
Sen embargo funcionou dun xeito absolutamente máxico, e
agora sempre boto man del con ese público tan difícil.
Por outro lado, cando me contrataran para contar en
Residencias da Terceira Idade botara man de romances de
cego, pensando que funcionaría a identificación dese
público cun xénero que eles chegaron a coñecer ben. Sen
embargo rexeitaban o xénero, non querían saber nada de
romances de cego. Finalmente, desesperado, botei man de
contos infantís, e iso si que funcionou máxicamente en
todos cantas residencias actuei. Así que, xa ves, para
os máis pequenos contos de sexo e violencia, e para os
máis velliños contos infantís, simples e inxenuos.
Podes teorizar sobre o que funciona unha vez que
comprobaches que funciona, pero é soberbio pretender
que vas saber de antemán o que vai funcionar. Iso non
se sabe ata que o probas.
Santi Prego
Gústame esto:
Gústame Cargando...
Relacionado
About follasvolandeiras
Boletín da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Palabras clave: teatro, escena, acción, dramaturxia, dirección, espectáculo.