Tito Asorey pon en marcha a temporada da peza “Ay Carmela”, na que dirixe a Melania Cruz e Josito Porto. Tanto Asorey como Cruz son alumnos da Esad de Galicia, el de dirección e ela de Interpretación. A peza teatral é unha adaptación do texto de Sanchís Sinisterra e unha aproximación á Galicia do ano 38 e en cada actuación ao lugar onde actuan.
“Para nós era importante a visión da morte que ofrece Sanchís Sinisterra. Hai moito contacto entre a vida e a morte na obra. A peza estructurase dacordo ás aparicións da morta, Carmela, ao seu amante, Paulino, e revive os momentos nos que ela morreu”, explica Tito Asorey.
Que destacarías do proceso de creación?
Tentamos facer o texto actual. Por iso, como sempre intento empezar os proxectos sobre unha pregunta, neste caso foi: Que posición deberían tomar os artistas nun momento de crise?
Os personaxes, artistas populares pero artistas, reflexionan sobre a postura acomodaticia, de connivencia co poder. Deixas ao lado a ética para facer o que che pidan ou tomas unha postura consecuente coas tuas ideas, coa tua ética? Paulino adopta a primeira postura e Carmela nun momento determinado ponse do lado dos perdedores e renuncia a ser titere dos poderosos.
Nós intentamos facer unha reflexión. A resposta é a que o público se dea.
Eu non creo no concepto de heroe. Pero creo que hai que tomar unha postura crítica fronte ao que pasa. Agora é unha época de transformación do mundo, unha crise económica e de ideas. É un momento no que debe tomarse unha postura clara. Tratase de reflexionar sobre o que pasa. O Teatro é un laboratorio do ser humano, onde se pode ver como funciona o ser humano coas suas contradiccións.
Que dificultades atopastes?
É a primeira montaxe profesional que fago, ainda que levo dirixindo dez anos grupos de rapaces e xovenes. Debía conxugar esa bagaxe dun teatro máis social co teatro máis profesional, no cal o máis importante é o producto final. O proceso importa sempre e ademais ten que reflexarse no resultado final.
E cal é ese resultado?
É un resultado moi positivo. Creouse un grupo de traballo moi activo entre os actores, moi ilusionados co proxecto. Todos estabamos convencidos de que era interesante. Todos estabamos superimpricados. É un proxecto que nace sobre todo da ilusión e que produce Teatro do Adro, de Josito Porto, e conta coa axuda da productora Escénate, de Madrid.
As próximas datas na Rede Galega de Teatros neste 2011 son:
06-02 /20.00 h. A Rúa- Centro Cultural Avenida
26-02 /21.00 h. O Carballiño- Auditorio Municipal
12-03 / 20.15 h. Cee- Salón de Actos do Concello
19-03 / 20.00 h. Redondela- Multiúsos da Xunqueira
26-03 / 20.00 h. Betanzos- Aula Municipal de Cultura
01-04 / 21.00 h. Santiago de Compostela- Teatro Principal
02-04 / 21.00 h. Santiago de Compostela- Teatro Principal
07-04 / 20.30 h. Ourense- Teatro Principal
15-04 / 21.30 h. Lalín- Novo Salón Teatro
30-04 / 20.00 h. Narón- Pazo da Cultura
06-05 / 20.30 h. Culleredo- Edificio de Servizos Múltiples